BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

Guillerme denuncia que o cambio do PP xa se ensaiou en Galiza e o resultado é "máis paro e inflación" que no Estado

O portavoz nacional afirmou en Pontevedra que “a solución non é ir máis á dereita, a solución está na Alternativa Útil que representa o BNG”

Pontevedra, 11 Outubro 11.- O portavoz nacional do BNG acudiu hoxe a Pontevedra onde participou na presentación dos candidatos e candidatas do BNG nesta provincia. Alí afirmou que “a única vía para sair desta situación de crise é a esperanza, arrimar o ombreiro e poñerse a traballar para cambiar o estado das cousas, empezar a facer política ao servizo das persoas”.

Por iso insistiu en que a única alternativa útil é o BNG “somos a equipa da casa, a única alternativa ás políticas de PP e PSOE” e, neste sentido, afirmou que “sabemos o que fixo Rubalcaba e o que vai facer Rajoy” e referiuse ás declaracións de Núñez Feijóo “no cónclave de Málaga onde nos informaba de que o que vai facer Mariano Rajoy se chega gobernar é o que el fixo na Galiza. A consecuencia desa política é emigración, recortes, aumento do paro, despoboamento, liquidación dun país”
.
Guillerme lembrou que Galiza é o país que lidera o paro e a inflación, cos salarios e pensións máis baixas. “O cambio que promete o PP para o Estado xa se ensaiou en Galiza e xa coñecemos os resultados. Por iso o BNG afirma que Rajoy non é o cambio, en calquer caso, será o recambio. Será o gato negro no país dos ratos”.

“A diferenza dos que teñen selado un compromiso cos amos das finanzas, cos especuladores”, continuou, “o noso contrato é exclusivamente con Galiza”.

Polo que convidou á xente a reflexionar “a actuar con intelixencia e pensar o que lle convén de verdade porque a solución dos problemas dos galegos non virá das políticas da dereita”, explicou, “o intelixente, o útil para cambiar as cousas é o BNG”, polo que contrapuxo o “R” dos “recortes, de Rubalcaba e Rajoy” ao “G” de “Galiza e o BNG”.

NOVACAIXAGALICIA
Guillerme referiuse tamén á “liquidación” das caixas galegas e o escándalo polas indemnizacións dos directivos prexubilados explicando que “non se pode zanxar este asunto con Feijóo dicindo que el non sabía nada, nin con Rubalcaba afirmando que eles nada teñen que ver e cos xestores xubilados forrados, os que siguen tamén forrados e os que viñeron a liquidar o que queda da caixa, tamén con contratos multimillonarios”.

“Non se pode liquidar entre o oscurantismo a non responsabilidade política e un escándalo social”, continuou, polo que a única vía é “a comisión de investigación que solicita o BNG” e emprazou a Núñez Feijóo que a acepte e explique “que teme, que ten que tapar”.

OLAIA FERNÁNDEZ DAVILA

A número un da candidatura por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, destacou pola súa banda o labor desenvolvido polo BNG os últimos anos no Congreso e o que vai seguir levando adiante despois destas eleccións, “en defensa dos sectores produtivos, os únicos que poden garantir e impulsar a creación de emprego, para que non se recorten as políticas sociais”.


Intervención de Olaia Fernández Davila
O BNG ten, tal e como explicou a candidata, “dous obxectivos claros: traballar para ter políticas dirixidas á creación de emprego e que garantan o benestar das persoas”.

Fernández Davila apostou pola alternativa do BNG, “non se poden resolver os problemas de défice recortando políticas sociais, pola contra, téñense que incrementar os ingresos para apoiar o estado de benestar e a creación de emprego”.

Para conseguir este obxectivo o BNG defende unha reforma fiscal profunda, “que incremente a progresividade, que se redistribúa a riqueza de maneira máis xusta”.

A cabeza de lista por Pontevedra advertiu de que os candidatos e candidatas do BNG “somos os únicos que imos cumprir con aquilo que prometemos e así o demostramos no pasado”.

TRABALLO A FAVOR DE PONTEVEDRA
A candidata lembrou a colaboración desenvolvida nestes anos entre o goberno de Pontevedra e os deputados do BNG que fixo posíbel “que esta cidade conseguise investimentos en infraestruturas e en outros aspectos a través dun intenso traballo”.

O alcalde e candidato, Miguel Fernández Lores, destacou a relevancia destes comicios e lembrou que “son as eleccións máis importantes dos últimos tempos” e asegurou que “a única alternativa que hai para que Galiza e Pontevedra estean presentes é votar BNG. Que o BNG estea en Madrid é a única garantía de que se vaia incidir para que se cambie a política que se está levando adiante nos últimos anos”.

Arquivos para descargar

 Un momento da intervención de Guillerme