BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

O BNG ENMENDA OS ORZAMENTOS GALEGOS



Santiago de Compostela, 9 Novembro 09.- O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich, e o portavoz de Economía, Fernando Blanco, anunciaron hoxe que presentarán unha emenda á totalidade aos orzamentos, que suma 223 millóns de euros, para polos ao servizo da sociedade e das súas principais preocupacións, é dicir, para fomentar o emprego, a activación económica, as políticas sociais e o I+D+I.

Aymerich explicou que rexistraran todas as modalidades de emenda que se poden presentar, devolutiva, á cada unha das seccións e transversais, co obxecto de plantexar unha alternativa ao proxecto do goberno do PP que realmente serva para facer fronte á crise.

O portavoz parlamentar lembrou que ningunha das afirmacións feitas por Feijóo á hora de presentar os orzamentos 2010 son certas, pois nin son unhas contas austeras, nin dinamizadoras da economía nin blindan os servizos públicos e sociais, de ahí a necesidade dunha alternativa, de seguir exercendo presión sobre este goberno, explicou, pois estes días demostrouse que con presión social e política Feijóo vese obrigado a rectificar, en referencia ao acontecido co complemento das pensións non contributivas.

Para Aymerich, o PP ten que responder a unha pregunta que se fai todo o mundo, “se baixan os investimentos, baixan os servizos sociais... onde meten os cartos?”. Neste sentido, Fernando Blanco explicou que se sabe onde non os meten e por iso as emendas nacionalistas.

O voceiro de Economía fixo un repaso máis pormenorizado das novas partidas propostas polos nacionalistas, salientando os 65 millóns de euros previstos para as distintas consellerías, para planes específicos en beneficio dos sectores productivos (láceto, forestal, pedra, mexilloeiro...), dos cales 25 irían destinados para axudas aos mesmos a través do Igape.

Para políticas de emprego, Blanco defendeu que se destinen 20 millóns máis e outros 20 para políticas sociais, apostando tamén porque todas as obras, por exemplo, de Sanidade sexan asumidas pola administración, non a través de recursos privados.

A gratuidade dos libros de texto e os comedores escolares son outras das preocupacións do BNG, que consideran precisan 5 e 4 millóns máis, así como as políticas de I+D+I, que tal e como están os orzamentos hai unha renuncia das mesmas e o BNG considera deben contar con 11 millóns de euros máis polo seu valor estratéxico.

Fernando Blanco concluiu reiterando que tal e como están agora, sen emendar, estes orzamentos non serven para o actual escenario de crise e demostran que Feijóo carece de proxecto, por iso animou ao goberno a “rectificar”, como xa fixo co complemento das pensións, mais advertiu que “rectificar é de sabios, o que é malo é improvisar e este goberno improvisa”.