BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

DIA DA PATRIA GALEGA

Quintana: “O BNG irá ás autonómicas convencido de liderar o próximo goberno galego”

A campaña de actos previos ao 25 de Xullo, baixo o lema “cremos neste País” difundirá a acción de goberno nacionalista nestes tres anos

Santiago de Compostela, 5 Xuño 06. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, ofreceu esta mañá unha comparecencia de prensa na sede nacional. Acompañado por Mario López Rico, secretario de Imaxe e Propaganda, presentou a campaña que, baixo o lema “cremos neste País”, levarán a cabo os nacionalistas galegos co gallo do 25 de xullo.

Quintana asegurou que o BNG vai ir ás novas eleccións autonómicas a por todas, convencido de que “é o momento do nacionalismo, o momento de que o noso proxecto político lidere a sociedade galega e o goberno galego”.

"O 25 de Xullo agardamos ter a máis grande mobilización da historia do nacionalismo galego"O BNG ten previsto organizar máis de 200 actos de distinto formato en todo o país, aos que está previsto que acudan máis de 50.000 persoas. O portavoz nacional asegurou que o 25 de Xullo agárdase ter a “máis grande mobilización da historia do nacionalismo galego, na que van traballar perto de 500 persoas”.

O portavoz nacional asegurou que “imos habilitar os medios materiais e humanos necesarios para que Compostela poida acoller esta mobilización”. Segundo explicou, a manifestación será no lugar habitual, na praza da Quintana, pero habilitando espazos adxacentes.

O líder nacionalista presentou o próximo Día da Patria Galega como o terceiro estadío dunha traxectoria que comezou nas pasadas eleccións municipais, “cando obtivemos a representación institucional máis grande da historia do nacionalismo” e continuou co resultado das pasadas eleccións xerais, “avanzando e consolidando unha representación política no Estado que vai ser decisiva”. “Estes éxitos vanse agora acompañar dunha novo éxito que vai ser esta campaña explicativa e a mobilización do 25 de Xullo”, asegurou, cara a, precisamente, liderar o goberno galego tras as próximas eleccións autonómicas.

Anxo Quintana e Mario López Rico amosan os cartaces

Difusión da acción de goberno

“Hai xa tres anos das eleccións autonómicas, e imos aproveitar esta campaña para difundir a nosa acción de goberno durante estes tres anos e vinculala co noso proxecto político, nunha data tan importante para os nacionalistas galegos como o 25 de Xullo”, afirmou Quintana durante a rolda.

"Os cidadáns non votaron por un cambio de caras, senón por un cambio de políticas"O vicepresidente do goberno destacou o traballo do BNG para construír un proxecto transformador para Galiza, e para que o noso país “sexa respectado e dono do seu futuro”. Asegurou tamén que o proxecto político do BNG se abriu camiño mediante “a interlocución e o diálogo coa maioría social á que vai dirixido”. Enmarcou, como un dos obxectivos da campaña, a explicación da acción de goberno do BNG durante os 3 anos xa transcorridos desde a constitución do actual executivo de coalición, “unha acción de goberno que cumpre co mandato de cambio que nos deron os cidadáns, que votaron non só para a renovación de caras senón por un cambio de políticas”.

Quintana exemplificou as novas políticas transformadoras mediante as medidas aprobadas polos departamentos xestionados polo BNG na Xunta como a constitución do Sistema Galego de Benestar, as Normas do Hábitat Galego, a lei do Banco de Terras, o novo decreto eólico ou a aposta pola internacionalización da cultura galega.

Así mesmo, non só destacou as medidas que tomou o goberno galego no exercicio das súas competencias, senón tamén a contribución do nacionalismo ao troco de status de Galiza no Estado: “Temos conseguido sermos capaces de que Galiza sexa un pouco máis respectada, que o Estado teña en conta que o recoñecemento de Galiza como nación, ou cando menos, no seu status constitucional de nacionalidade histórica ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña é unha obriga que os galegos imos demandar sempre”.

"En amplas capas da sociedade galega o nacionalismo contémplase hoxe como un proxecto de ilusión e de futuro”.Para Quintana, a labor de goberno do BNG ten servido para que “en amplas capas da sociedade galega hoxe o nacionalismo se contemple como un proxecto de ilusión e de futuro”.

Mario López Rico

O responsábel de Imaxe e Propaganda do BNG amosou o cartaz da campaña, que ten os lemas “cremos neste País” e “traballamos nun proxecto transformador para esta Nación”. Destacou que o BNG está a lograr os seus obxectivos “no goberno e na sociedade”. Afirmou que “a nena e o neno simbolizan o futuro, e a estrela aristotélica que sosteñen simboliza a intelixencia e a liberación dos pobos, que está incluída na nosa marca e é unha icona que empregamos todos os nacionalistas”.

Crise no sector pesqueiro

Anxo Quintana expresou, na quenda de preguntas da prensa, a súa “comprensión” pola grave situación do sector, aínda que fixo un chamamento á responsabilidade nas mobilizacións. Lembrou que “a crise excede o ámbito competencial do goberno galego” e pediu que por parte do goberno do Estado “haxa unha disposición diferente”. “Estase a notar demasiado que o sector pesqueiro, que é estratéxico para Galiza, non o é para o Estado”, asegurou. “Que teñan en conta que tras os números hai persoas, e tras as persoas hai un país cuxa economía non pode prescindir da pesca”, afirmou.

Sobre a “obxección” episcopal á Educación para a Cidadanía

O líder do BNG afirmou que “a cúpula eclesiástica equivócase”. “Nun estado democrático, a lei é responsabilidade da acción política dos que foron elixidos para iso; cadaquén pode expresar a súa opinión, pero de aí a boicotar a lei hai un paso que é unha equivocación”, dixo.

Congreso do PP

“Se se chega a producir un cambio na estratexia do PP que serve para que este partido deixe de ter unha idea tan trasnoitada sobre o Estado español, se hai un cambio para que onde había pechazón e absolutismo, o BNG saudará iso, porque será bo para a democracia, para o PP e para Galiza”, asegurou. Porén, lembrou que calquera acordo “está en función dos programas e hoxe en día o PP e o BNG están moi lonxe nese aspecto”.