BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

BNG PALAS DE REI DECLARACIONS DE QUINTANA


Quintana asegura que "os galegos e galegas están fartos de pagar moito por vivendas de baixa calidade"

O vicepresidente asegurou que a Consellería de Vivenda e Solo non se vai someter a presións nin a chantaxes e o que si vai facer é dialogar con todos para garantir a boa aplicación das Normas do Hábitat Galego
Pereiro de Aguiar, 12 de abril de 2008.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe estar convencido de que os galegos e galegas, e “sobre todo a xente máis humilde, a xente con menos posibilidades económicas, está farta de pagar cantidades astronómicas por pisos de moi baixa calidade”. E para rematar con esta situación, o Goberno galego pon en marcha as Normas do Hábitat Galego, que, tal e como explicou Quintana, pretenden asegurar que as vivendas teñan un mínimo de calidade, “que, por exemplo, poidas ter un baño no que poidas entrar, que en vez dun mínimo de dous metros teñan cinco, que haxa uns corredores suficientemente amplos, que as vivendas teñan un mínimo de luz e de aireación, que haxa patios de luces amplos e todo iso é o que pretende o decreto que agora puxemos en marcha”.
"Xa era hora de que a xente con poucos recursos poida acceder a unha vivenda de calidade"O vicepresidente resaltou a necesidade destas novas normas, que teñen que dar resposta a esa necesidade de que a xente estea farta de pagar cantidades astronómicas por pisos de baixa calidade. “Xa era hora que a xente con poucos recursos poida acceder a unha vivenda a un prezo xusto e ademais a unha vivenda de calidade”, asegurou. O vicepresidente Quintana fixo estas declaracións sobre as Normas do Hábitat Galego hoxe en Pereiro de Aguiar durante unha visita á nova galescola deste municipio ourensán.
Non ter vértigo ao cambio
O vicepresidente da Xunta asegurou que non se pode ter vértigo ao cambio, “o cambio, do que tantas veces falamos en Galiza, non pode ser só un cambio de persoas, un cambio de goberno, ten que ser sobre todo un cambio de políticas”. Quintana amosouse convencido de que, maioritariamente, os cidadáns en Galiza reclaman cambios estruturais en moitos aspectos, e entre eles, en materia de vivenda. “E iso é o que estamos a pór en marcha e por iso non nos pode entrar vértigo ao cambio. Dende logo ao BNG non lle vai entrar vértigo ao cambio. Por iso facemos as galescola, por iso fixemos o Banco de Terras, por iso cambiamos o decreto de aproveitamento eólico, por iso estamos a apostar polo deporte de base, e por iso estamos a apostar por unha política de vivenda que garanta vivenda para os que máis o necesitan e ademais vivenda de calidade”.
"Imos dialogar para que a súa aplicación sexa o máis efectiva posíbel"Anxo Quintana asegurou que a Consellería de Vivenda e Solo non se vai someter a presións nin a chantaxes e dixo que o que si vai facer a Consellería é dialogar con todos. Lembrou que as Normas do Hábitat Galego entrarán en vigor o próximo día 17 “e vamos dialogar con todos para que a súa aplicación sexa o máis efectiva e lóxica posible. E cando digo falar con todos, falaremos cos promotores, pero tamén cos veciños, porque supoño que teremos que escoitar a todos, a ver se os veciños queren pisos de calidade ou non”. O vicepresidente recordou ademais que non se pode esquecer que, nos vindeiros anos, o maior promotor de vivenda en Galiza vai ser a Consellería de Vivenda e Solo. “Xa temos posto en marcha o Programa de Vivenda Protexida, que vai supor a posta a disposición de seis millóns de metros cadrados de solo residencial para construír 40.000 vivendas protexidas. Por certo, 40.000 vivendas que se farán de acordo co decreto do hábitat, é dicir, que serán vivendas de calidade”.
Quintana amosouse estrañado ademais de que, agora que se fala de crise do sector da construción, unha crise que é fundamentalmente unha crise financeira, “a min estráñame que os promotores non saian en avalancha protestando e criticando ás entidades bancarias pola súa política de redución crediticia, que si está causando un verdadeiro problema no sector”. O vicepresidente explicou que aí está realmente o problema da situación actual e non en facer pisos de calidade, “porque a iso temos que ir, a facer pisos de calidade, que é para o que son as Normas do Hábitat Galego”.
Declaracións Fegamp
Ao respecto da polémica co dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), “unha polémica coa dirección da Fegamp e non cos alcaldes nin cos concellos”, o vicepresidente asegurou que, unha vez máis, a directiva da Fegamp se equivoca. Ante os xornalistas, Quintana pediulle aos veciños e veciñas de Galiza que reparen nunha cuestión, “o alcalde de Ames, membro da directiva da Fegamp, está en contra do decreto do hábitat; e o alcalde de Allariz, membro da directiva da Fegamp, está a favor do decreto do hábitat. Pois eu pido aos veciños e veciñas de Galiza que comparen o urbanismo e o modelo de cidade de Ames e de Allariz, e saquen a conclusión de onde preferirían vivir”.
Quintana afirmou que considera que, ás veces, hai que pensarse as cousas dúas veces antes de manifestarse en contra de algo que o que pretende é que a xente viva con calidade, e a xente ten dereito a unha vivenda digna a un prezo xusto e de calidade. “Eu penso que a dirección da Fegamp se equivoca porque os alcaldes, sobre todo e ante todo, o que teñen é que velar polos intereses dos veciños, porque teñan unha vivenda de calidade e un urbanismo ao servizo da xente”, dixo Quintana, ao engadir que, pola contra, “os alcaldes, o que non se deben preocupar é por se algún promotor vai reducir un pouco a súa marxe de beneficios, que estou seguro que será capaz de superar esa situación con toda normalidade”.