BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

O Consello Nacional aproba por unanimidade o informe da Executiva e o Plan de Traballo para o novo curso

Santiago de Compostela, 16 Xaneiro 2010.- O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou hoxe que esta formación política afronta o novo curso co obxectivo de seguir a liderar a oposición ao PP e prepararse para chegar nas mellores condicións aos próximos comicios municipais.

Guillerme Vázquez explicou que o instrumento para conseguir este obxectivo será o Plano de Traballo que foi aprobado por unanimidade no Consello Nacional que o BNG celebrou esta mañá en Santiago e salientou que o paro e a crise, que nestes momentos son os principais problemas da poboación, terán atención preferente por parte dos nacionalistas.


Guillerme Vázquez, durante a súa intervención perante os membros do Consello Nacional

Neste sentido, criticou que malia as cifras “escandalosamente altas” do paro ningún dos gobernos, nin o do Estado nin o galego, son capaces de pór enriba da mesa propostas políticas que fagan mudar esta situación, síguen a considerar como “grandes panaceas” a redución do déficit público ou o abaratamento do despido, que defende Rajoy.

Para o portavoz nacionalista, resolver o veto a Navantia, os problemas do sector lácteo e pesqueiro e as eivas en infraestructuras tamén é falar de emprego, por iso o BNG vai esixir unha resposta a estes asuntos por parte do goberno central, aproveitando a presidencia da UE, para que asuma os compromisos adquiridos, ademais, no Congreso.

Defensa do galego:
Como non podía ser doutro xeito, a batalla en defensa do galego figura igualmente entre as prioridades dos nacionalistas no seu plan de traballo, afirmou Vázquez, quen lembrou o apoio do BNG á folga e manifestación do próximo día 21 para parar o decreto e reiterou que Feijóo ten que retirar o dito decreto, “sigo preguntándome –dixo- a que ten que esperar; el sempre fala de que hai que pulsar a sociedade e a sociedade xa está posicionada claramente en contra”.

Caixas

Sobre as Caixas, Guillerme Vázquez valorou o papel decisivo do BNG para ter chegado até aquí no seu debate pero advertiu de que agora hai que aplicar a lei aprobada e impulsar decididamente a fusión e o BNG vai traballar nese sentido, dixo.

Engadiu que haberá unha oposición frontal dos nacionalistas ao “deseño centralista” que segue estando enriba da mesa e acusou de “quintacolumnistas” do poder central aos sectores que están a defender en Galiza a posición do Estado en contra da fusión. “Non nos imos deixar amedrentar e se o goberno pretende recurrir a lei atopará a nosa resposta, modesta pero contundente, política e social”.

Haiti

O portavoz nacional do BNG non quixo rematar a súa comparecencia ante os medios sen facer unha referencia á traxedia que está a padecer o pobo de Haití e pediu un pouco de “dignidade” por parte do goberno galego ante unha catástrofe desta magnitude.

Vázquez asegurou que é moi difícil de xustificar a aportación raquítica da Xunta e explicou que se non se vai facer unha colaboración acorde coa traxedia é preferible retirar a rídicula axuda.