BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PALAS DE REI

Aquí vos manteremos informados de canto pasa en Palas de Rei e mais en Galiza

PP E PSOE EN LOITA POLA PRESIDENCIA bng palas de rei

Blanco dí que PP e PSOE pasaron toda a campaña pelexandou por cousas de Madrid e non fixeron ningunha proposta para Galiza
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, acusou a PP e PSOE de “estar máis pendentes nesta campaña de Madrid que de Galiza” e de non facer “nin unha soa proposta para o noso país nin para saír da crise, que é o que lle preocupa aos cidadáns”. Nun mitin na Casa da Xuventude de Mondoñedo, o candidato nacionalista centrou a campaña en Galiza e dixo que “o que os galegos e galegas escollen o domingo é o Goberno galego e non a un ministro en Madrid” polo que dixo, “o BNG vai falar dos problemas do país e das solucións a eses problemas” e non de “enredos cortesanos”. “PP e PSOE están á gresca e a lea continua no Estado: dimiten, espíanse, denúncianse, van de caza, fan de todo menos facer propostas para Galiza porque uns e outros levan toda a campaña máis pendentes de Madrid que de Galiza”, afirmou Fernando Blanco, que dixo que “nesta campaña só o BNG fixo propostas”. “Nesta campaña no campo das ideas e no campo das propostas o BNG gaña por goleada, porque só o BNG está a facer propostas; os demais o que fan é pelexarse por cousas de Madrid”, remachou o cabeza de lista do BNG. O catastrofismo do PP O candidato nacionalista referiuse tamén á estratexia do PP nesta campaña, que consiste, segundo Fernando Blanco, “en pintar un panorama catastrofista e desolador e en dicir todos os días que Galiza está moi mal”. O cabeza de lista do BNG referiuse a esta esta estratexia do PP como “política destrutiva” e contrapúxoa coa política do BNG: “nós temos confianza neste país e na xente deste país mentras que o PP píntao todo negro porque nunca confiou nos galegos e galegas”, afirmou Fernando Blanco. O cabeza de lista do BNG por Lugo lembroulle a Alberto Núñez Feijóo que “nin está inmaculado nin acaba de chegar a isto” posto que, dixo Fernando Blanco, “tivo responsabilidade de Goberno durante moitos anos e mesmo foi xa vicepresidente da Xunta con Fraga”, polo que lle recomendou que “se todo está tan mal en Galiza como di o mellor que pode facer o señor Feijóo é mirarse ao espello porque atopará ao responsable desa situación”. O Consorcio de Turismo da Mariña estará constituído antes do verán No mitin de Mondoñedo, Fernando Blanco insistíu na necesidade de “vender o produto turístico da Mariña lucense como un todo” destacou que nestes catro anos “avanzouse moito neste camiño”. O cabeza de lista do BNG anunciou que “antes do verán estará funcionando o Consorcio de Turismo da Mariña, que integra a 16 Concellos da comarca” e que vai ser, dixo Ferando Blanco, “unha ferramenta fundamental para vender en conxunto a Mariña”. “Fronte o minifundismo anterior que non levaba a ningures conseguimos unificar os esforzos de todos e que tanto a Administración galega, como os Concellos e o sector privado remen na mesma dirección”, destacou Fernando Blanco. O candidato do BNG destacou as “importantes posibilidades de crecemento do sector do turismo na Mariña” e destacou que o turismo representa o 12% do PIB galego e o 13% en termos de emprego e indicou que o obxectivo do BNG para a vindeira lexislatura é crear en Galiza, vinculados ao turismo, 25.000 postos de traballo, dos que 7.000 corresponderían á provincia de Lugo. O candidato do BNG apostou por “desenvolver un plan conxunto de promoción de toda a comarca da Mariña” no que “a oferta das zonas de costa se complemente coas actividades culturais ou de natureza dos concellos do interior da comarca” para lograr “desestacionalizar o turismo” e “non estar sometidos a situacións de crise e caída de visitantes como a actual”. Aposta polo Camiño Norte Fernando Blanco anunciou “unha aposta polo Camiño Norte no Xacobeo 2010” e afirmou que o “reto” na vindeira lexislatura é “aproveitar o Xacobeo 2010 para situar a Galiza no mundo a nivel turístico”. “É unha oportunidade para promocionar a Galiza a nivel internacional que non debemos aproveitar”, dixo. Explicou, a este respecto, que pese á situación de crise económica que estamos a vivir, e que afecta tamén ao sector do turismo, o número de turistas vinculados ao Camiño de Santiago incrementáronse o pasado ano préto dun 10%, polo que, dixo, “o Xacobeo 2010 tén que ser o empurrón definitivo para proxección internacional de Galiza”. O cabeza de lista do BNG destacou “a potenciación do Camiño Norte realizada xa nestes catro anos” coa apertura do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Mondoñedo, a apertura dun albergue en Abadín, o proxectado en Ribadeo ou as melloras no de Barreiros e que permitirán, dixo, “dotar ao Camiño Norte das infraestruturas necesarias para asumir o incremento de peregrinos que se vai dar o ano que vén”. Fernando Blanco destacou finalmente o “impulso” dado dende a Consellería de Industria ao sector turístico na lexislatura que agora remata indicou que os 5,6 millóns de turistas logrados no conxunto de Galiza no último ano son “boa mostra do acerto nas políticas aplicadas”.