
O público ateigou o Auditorio de Galiza
Santiago de Compostela, 15 Outubro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pechou hoxe a Convención Electoral Nacional –á que acudiron máis de 1.500 persoas que ateigaron o Auditorio de Galiza- afirmando que “a solución non é ir máis á dereita. A solución está na alternativa galega e de esquerdas que é o BNG”.
O líder nacionalista perguntou aos asistentes “acaso non sabemos o que fixo Rubalcaba aínda que intente agora xirar cara á esquerda e tamén sabemos o que faría Rajoy, seguirá recortando, saqueando ao pobo e engordando aos especuladores”.
Neste sentido, o portavoz nacional animou ao auditorio a que miren o que está sucedendo en Portugal para saber o que pasaría no Estado español se gobernase o PP e aludiu ao presidente da Xunta cando afirmou “o que fixemos en Galiza é o que vai facer Rajoy en España”
.

A equipa de Galiza
Por iso, Guillerme instou a “fuxir coma do lume do R de Rajoy, Rubalcaba, de recortes e de recapitalización e pensade no G de Galiza e do BNG, a única alternativa posíbel, necesaria e útil para Galiza e para que exista en Madrid e teña tanta forza como vascos e cataláns”.“Mentres outros están contratados por especuladores e pola banca, o contrato do BNG é con Galiza e coa súa maioría social. O país que amamos e no que queremos vivir”, continuou.
“PP e PSOE pretenden seguir cebando coma porcos aos especuladores”, tal e como advertiu Guillerme, “co BNG, que non conten”.

“Pretenden que vaiamos cara ao cadalso da man dos nosos verdugos”, advertiu Guillerme, ao tempo que afirmou que non será así, como o demostran milleiros de “profesores, profesoras, nais, pais, estudantes manifestándose polo ensino público, ou as traballadoras e os traballadores que defenden os medios de titularidade pública de Galiza”, dixo en alusión á folga convocada na CRTVG.

O líder nacionalista abriu a Convención afirmando que os candidatos e candidatas do BNG “son os únicos cen por cen galegos, made in Galiza e por iso temos a garantía de que van ir traballar por este país coa mesma dignidade que o fixeron Olaia, Jorquera e Pérez Bouza”.

Pola súa parte, o número un pola Coruña, Francisco Jorquera, debullou as principais propostas do BNG en materia económica como saída social á crise, salientando a defensa doutra política fiscal que persiga a fraude e faga recaer maior presión sobre as rendas máis altas, “hai que rematar coa vergoña de Botín, a quen PPPSOE lle rinden pleitesía mentres defrauda a Facenda con contas millonarias en Suiza”. Asemade, apostou pola redución de gasto superfluo como o gasto militar e reiterou a necesidade dunha banca pública, asegurando que “aínda estamos a tempo da salvar o aforro galego do espolio. O BNG é a alternativa, é quen ten e propón iniciativas ao servizo das maiorías non dos mercados nin dos especuladores”.

Pola súa parte, a número un por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, presentou o BNG como garante das políticas sociais fronte aos recortes e puxo como exemplo deste compromiso e do traballo feito neste sentido, a defensa da dación en pago das hipotecas, que PPPSOE rexeitaron hai tan só uns meses no Congreso e preguntouse “se acaso Rubalcaba ministro era irmán xemelgo do Rubalcaba candidato”. Tanto sobre Rubalcaba como sobre o “mago Mariano” consideraron unha mala noticia a primeira vez que o BNG tivo representación en Madrid, explicou, “por iso é necesario movilizarse a prol do BNG o 20 N para volver a darlles unha mala noticia, que o que é malo para eles será unha grande nova para Galiza”

O candidato número un do BNG ao Congreso dos deputados, Xosé Manuel Pérez Bouza, afirmou que as Deputacións provinciais deben ser suprimidas “por inoperantes” e servir de “niños políticos” a PP e PSOE.
Bouza insistiu enque o BNG é “unha alternativa útil” para unha nova política financeira, laboral e fiscal que e demais, “aporta outro deseño de Estado” pero para que isto sexa posible -dixo- é necesario que o BNG poda defender Galiza na política estatal.
María Xosé Vega

Laura Arjonilla
“Queremos construír unha Galiza xusta e soberana e isto que nos venden non é democracia”.
Mar Pérez Fra
“PP e PSOE comparten a mesma política económica, ao servizo dos mercados. Nacionalismo é sinónimo de democracia real”.
Jessica Fernández Polo
“A única dona do BNG é Galiza e por iso facemos aquí o mesmo ca en Madrid”.
Susana García
“Queren decidir sen contar con nós, pero somos unha nación”.
Ramón González
“Somos nacionalistas e de esquerdas. Queremos vivir do noso traballo, non subvencionados”.
Sandra González
“Non agardemos a que ninguén nos salve. Salvémonos nós, os galegos e as galegas que exercemos como tais”.
Iria Aboi
“PP e PSOE reformaron a Constitución para entregarnos aos mercados e acordan o espolio do noso aforro. Queren máis. Non grazas. Temos que paralos”.
Rosana Pérez
“PP e PSOE arricáronnos un a un os dereitos sociais conquistados durante sécalos para poñelos ao servizo dos causantes da crise”.